Comezamos o percorrido desta ruta de 17 km nas Chousas de Altamira, situadas no lugar de A Tablilla, para dirixirnos ao castro de “A Croa” que se atopa a uns 700 metros do punto de saída. Se continuamos pola ruta o sendeiro lévanos á igrexa barroca de Santa María de Bardaos.
A ruta continúa en dirección sur atravesando campiñas e singulares construcións tradicionais para posteriormente levarnos ata a pontella de Vilamartín. Ascendemos polo sotobosque ata a estrada da Pontepedra para facer parada xunto ao Dolmen de Cabaleiros denominado “Casa da Moura”, unha das cámaras megalíticas máis emblemáticas de Galicia.
Logo de visitar o dolmen e cruzar o río dirixímonos á Igrexa de San Xián de Cabaleiros e á Fonte de San Ignacio, para máis adiante dirixirnos á Pedra Longa.
Continuamos a nosa andadura camiño da parroquia de Castenda onde visitar o castro de Vilar de Castenda e a Ermida do Carme xunto coa súa fonte.